Thursday 02 de May de 2024

Sánchez Bugallo: “Os bonos corazón terán unha nova edición para seguir impulsando o comercio local”


Sánchez Bugallo: “Os bonos corazón terán unha nova edición para seguir impulsando o comercio local”
Despois de catro anos de mandato, Santiago duplicou o número de licencias de actividade concedidas a novos comercios.
O alcalde adiantou que habilitarán unha liña de subvencións directas para o impulso do comercio tradicional no casco histórico.
O Goberno traballa xa para que o Prima 24 sexa unha Feira Internacional do Comercio de Proximidade.
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023. O alcalde Sánchez Bugallo anunciou que este ano volverán a poñer en marcha os bonos corazón, unha mostra de que o Goberno sigue apostando por potenciar o comercio de proximidade. Deu a noticia con motivo do comezo da festa do comercio local de Santiago, o Prima 23, a cal conta con actividades para dinamizar as vendas do sector.

Os bonos corazón impulsados polo Concello mobilizaron seis millóns de euros durante todas as convocatorias. Isto axudou a incentivar a demanda dos consumidores tanto no comercio local como na hostalaría da cidade, reducindo así o impacto da crise do coronavirus que tanto afectou a estes sectores.

Tras catro anos de mandato de Bugallo, Santiago duplicou o número de licencias concedidas para novos locais. O alcalde destacou que “cada vez hai menos baixos pechados”, porque dende o Goberno “apostaron por investir na reactivación comercial, porque ofrecemos facilidades a quen compra no local”.

Tamén anunciou que o Goberno está traballando para que o próximo ano o Prima 24 sexa unha Feira Internacional do Comercio de Proximidade. Bugallo sinalou que “o farán ao grande”, convidando a negocios de outros sitios para que inclúan os seus expositores. A Feira tamén traería consigo un Congreso no que intercambiar ideas para seguir dinamizando o sector.

Aparte, o alcalde explicou que habilitarán unha liña de subvencións directas para o impulso do comercio tradicional no casco histórico. Reafirmou que dende o seu Goberno teñen un “compromiso con Compostela” e queren que “sexa a capital comercial de Galicia”.

Servizo gratuíto de limpeza de pintadas

Este xoves, o alcalde tamén visitou os traballos de limpeza de pintadas e grafitis que axudan a manter a cidade en bo estado. O Goberno ven de facilitar o trámite para solicitar este servizo gratuíto, tanto para locais públicos como privados, de modo que agora se pode solicitar na oficina virtual ou cubrindo un impreso.

Ademais, a finalización das concesións dos aparcadoiros de Praza de Galicia e Praza de Vigo ofrecen ao Concello a oportunidade de crear estacionamentos con prezos accesibles. Así, facilítase á cidadanía chegar a zonas con moito comercio como son o Ensanche e o Casco Histórico. O alcalde lembrou a intención de recuperar estes dous aparcadoiros que xestionarán a través da empresa municipal Tussa.